26 de outubro de 2015

Estancia termal en Laias

Un ano máis temos prevista unha saída ao balneario LAIAS CALDARIA.

Será concretamente do 15 a 20 de novembro (de domingo
 a venres).


No balneario disporemos de:

  • Pensión en réxime completo (almorzo, comida e cea).
  • 6 días (cinco noites).
  • Traslado incluído (ida e volta).
  • Asistencia médica.
  • Programa termal individualizado segundo criterio médico.
  • Programa de animación. 
  • Actividade de Aguagym.
  • Sendeirismo.
Como vén sendo habitual a asociación subvenciona os asociados a estanza do balneario, tendo dereito a beneficiarse os socios e socias con máis de 6 meses de antigüidade.

Esperemos que esta actividade sexa do voso agrado e vos animedes a pasar estes días connosco.

Máis información e inscricións: a través do teléfono da asociación 659 084 950 de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00h, ou ao email info@artrite-santiago.org

22 de outubro de 2015

in-pacient.es

In-pacient.es é unha plataforma virtual gratuíta que busca converterse nun punto de encontro para persoas con enfermidades crónicas no que poidan informarse, compartir e colaborar para ter unha mellor calidade de vida.
Trátase dunha iniciativa que nace coa vontade de ser un espazo de coñecemento da enfermidade, a través de 4 ámbitos:

  • Informativo: Terás á túa disposición información profesional organizada sobre a enfermidade, así como noticias e novidades.
  • Soporte: Terás acceso a recursos e utilidades pensados especificamente para mellorar a túa calidade de vida.
  • Social: Poderás relacionarte con outras persoas na túa mesma situación. Un espazo para compartir e entender aquilo que che ocorre no día a día.
  • Colaborativo: Poderás participar activamente compartindo o teu coñecemento e vivencias, para axudar a mellorar o tratamento e manexo da enfermidade.  
In-pacient.es permite informarse a calquera persoa, pero conta cun apartado chamado Nuestra Comunidad pensado e deseñado exclusivamente para persoas que padecen a enfermidade.

Neste momento o portal céntrase concretamente en artrite reumatoide, esclerose múltiple, crohn - colitis ulcerosa e parkinson.


Entre outros servizos, podes subscribirte a un Boletín de Noticias sobre a artrite reumatoide. Podes acceder ao último número publicado a data de hoxe premendo aquí. Subscríbete ao seu Boletín se queres recibir este tipo de noticias no teu correo electrónico.


    15 de outubro de 2015

    Foro: O experto responde

    Con motivo da celebración do día mundial da artrite imos celebrar un foro con expertos para poder dar resposta a calquera dúbida de maneira instantánea.

    Data:19 de outubro de 2015
    Horario: de 18:00h a 20:00h.
    Profesorado:

    • Dr. Alejandro Souto Vilas. Médico especialista en Reumatoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.
    • Dna. Sandra Mujico Pena, presidenta da Asociación de Artrite de Santiago.

    Lugar de celebración: a través da web www.sergas.es/escolasaude no apartado Foro: O Experto Responde, no que ás 18:00h aparecerá "envíe agora as súas preguntas". A partir dese momento os expertos que participan no foro responderán as cuestións expostas en tempo real. No caso de que non se poidan conectar nese momento poden mandarnos as súas preguntas ao noso email: info@artrite-santiago.org e poderán ver as respostas colgadas na nosa pax. web www.artrite-santiago.org ou na páxina web do SERGAS.
    Con isto o que queremos conseguir é facilitar á cidadanía en xeral o acceso a información sobre a artrite, aclarando as dúbidas dos pacientes, familiares e cidadáns sobre o manexo desta enfermidade.

    A espondilite anquilosante, unha enfermidade que afecta especialmente na xuventude

    O Servizo de Reumatoloxía de HM Hospitais, liderado pola Dra. Paloma García de la Peña, xunto coa compañía farmacéutica Pfizer e a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis), organizou recentemente no Hospital Universitario HM Sanchinarro un encontro con pacientes co obxectivo de informalos sobre a espondilite anquilosante, unha enfermidade inflamatoria crónica que afecta ás sacroilíacas e con frecuencia ao resto de segmentos da columna vertebral (lumbar, dorsal ou cervical). En numerosas ocasións pode afectar a outras articulacións como os ombreiros, xeonllos, cadeiras, e as zonas de unión dun tendón ou un ligamento ou outras estruturas ao óso.

    A Dra. Marta Valero, adxunta do devandito Servizo, explica que esta patoloxía atópase dentro do grupo das espondiloartropatías, onde están tamén a artrite psoriásica, a artrite reactiva ou as artrites que se asocian a enfermidades do intestino (Cronh e colite ulcerosa). "A estas enfermidades úneas unha frecuente asociación familiar e un xen chamado HLA B27. Ademais, adoitan afectar tamén a estruturas fóra do aparello locomotor, como a pel ou os ollos", sinala a Dra. Valero.

    A espondilite anquilosante non se pode previr e afecta sobre todo a xente nova ou de mediana idade, sendo moito menos frecuente en persoas anciás. Os síntomas desta enfermidade son dor na zona lumbar ou glútea, pero diferente á dor que causan a artrose ou as hernias.

    "O diagnóstico -continúa a Dra. Valero- faino un especialista en Reumatoloxía e obtense a partir dos datos da historia clínica, a exploración física, a analítica e probas de imaxe como radiografías e resonancia".

    En canto ao tratamento, este depende da resposta do paciente, pero baséase fundamentalmente en antiinflamatorios, terapias biolóxicas e outros fármacos.

    Así mesmo, o reumatólogo recomendará ao paciente determinados exercicios que achegarán importantes mellorías e evitarán a rixidez e a limitación da mobilidade que poden chegar a darse nalgúns casos.

    "As persoas con espondilite anquilosantes deben seguir todas as indicacións que lles dea o especialista e acudir a todas as revisións. Igualmente, os hábitos de vida saudables como unha dieta equilibrada, non fumar e realizar os exercicios recomendados polo especialista, poden mellorar o prognóstico desta enfermidade e a calidade de vida do paciente", conclúe a Dra. Valero.

    8 de outubro de 2015

    Concurso de fotografía "Cooperando contigo"

    A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España e a Representación da Comisión Europea en España, coa colaboración da Cooperación Española, a través da Axencia Española de Cooperación (AECID), convocan un Concurso de fotografía con motivo do ANO EUROPEO DO DESENVOLVEMENTO 2015 e a conmemoración, o 3 de decembro, do Día Internacional das persoas con Discapacidade.

    A data límite de participación é o 30 de Outubro de 2015.

    As bases do concurso poden consultarse na web: www.europarl.es/

    3 de outubro de 2015

    II Congreso de pacientes con enfermidades reumáticas en Barcelona

    O evento retransmitirase en directo vía streaming.

    A Sociedade Española de Reumatoloxía convídavos a participar na II edición do Congreso de pacientes con enfermidades reumáticas, que se celebra os días 23 e 24 de outubro no Hotel Barceló Sants de Barcelona.


    O obxectivo é crear un punto de encontro para este colectivo de pacientes. Ofrecerase información fiable e de calidade sobre as patoloxías reumáticas nunha contorna de confianza e colaboración mutua. Este ano o evento será máis dinámico e participativo, coas mesas expostas nun formato de debate para favorecer o coloquio entre todos os participantes.

    Está dirixido a pacientes con artrite reumatoide, osteoporose, lupus, espondilite anquilosante, síndrome de Sjögren, e outras enfermidades reumáticas.

    Para lograr unha maior difusión o congreso será retransmitido vía streaming, para que todas as persoas que non poidan asisitir visualicen o evento, que será moi dinámico e participativo

    Para inscribirse só é necesario enviar un e-mail a pacientes@ser.es con nome, apelidos, teléfono e cidade de procedencia. Se queres acudir apúntate canto antes, a inscrición é gratuita (aforo limitado).

    Programa do Congreso

    1 de outubro de 2015

    O Mago More manda unha mensaxe de esperanza ás persoas con artrite no Día Nacional desta enfermidade

    Afectado por artrite psoriásica, o polifacético artista e conferenciante quixo ofrecer o seu apoio aos pacientes e lembrarlles que o seu benestar "si, é posible".
    Gravou un vídeo no que conciencia a estas persoas da necesidade de seguir as indicacións dos médicos e adoptar hábitos de vida saudables.
    A súa mensaxe serve de presentación da campaña "Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite"

    Día Nacional da Artrite: Monumentos emblemáticos tíñense de verde en apoio ás persoas con artrite.

    Hoxe é 1 de outubro, Día Nacional da Artrite. Un día para a sensibilización e visibilización da enfermidade.

    Este ano, ConArtritis pediu a colaboración de diferentes concellos para que o día de hoxe se tiña de verde. Grazas a esta iniciativa, edificios e monumentos emblemáticos de diferentes cidades españolas iluminaranse de cor verde esta noite.
    En Madrid, será a emblemática fonte de Cibeles e a Porta de Alcalá.
    En Fuenlabrada, lucirá en cor verde o Espacio Joven La Plaza de Fuenlabrada.
    Ciudad Real súmase á iniciativa iluminando a estatua de Don Quijote.
    En Huesca escolleron a fachada do Casino para amosar o seu apoio ás persoas con artrite.
    En Vigo, será o antigo consistorio (na praza da Princesa) o que luza de verde. Tamén en Galicia, súmanse á iniciativa os concellos de Pontevedra, Porriño e Redondela.0


    Outro xeito de dar visibilidade á artrite no día de hoxe é grazas á Lotería Nacional. O décimo de lotería nacional do día de hoxe leva impresa a imaxe da Campaña "Octubre, mes de la artritis y la espondiloartritis", na que algunhas das asociacións membro de ConArtritis e outras convidadas estamos xa metidas de cheo.

    Precisamente no marco desta campaña, hoxe mesmo organizamos mesas informativas sobre a enfermidade en distintos puntos da cidade, ás que calquera poderá achegarse para preguntarnos todas as dúbidas que teñan ademáis de levar material informativo sobre a enfermidade. Máis información sobre as mesas aquí.
     
    A seguinte actividade desta campaña sera o vindeiro 16 de outubro, cando celebraremos a XI Xornada Nacional de Artrite. Máis información sobre a xornada aquí.